Radios Comunitarias: Subir o volume

Estudio de Cuac FM

Estudo Xosé Couso. CUAC FM.

Esta semana o xornal dixital galego PRAZA.COM fixo unha reportaxe estupenda sobre a situación das radios comunitarias de Galicia. Para iso fixo unha serie de entrevistas a diversas representantes da Rede Galega de Medios Libres e ComunitariosREGARLIC– como FILISPIM (a radio comunitaria de Ferrolterra), a refundada RADIO PIRATONA, en Vigo-Valadares e a emisora que me roubou o corazón- CUAC FM, e sobre a que falo extensamente na entrevista que vos pego máis abaixo.

O xornalista de Praza, Marcos Pérez Pena, tocou os aspectos máis salientables que son comúns ás tres emisoras galegas: a súa situación de inestabilidade legal, a misión de transformación e servizo social que son a razón de ser das radios comunitarias, a relación co tecido asociativo da comunidade de referencia (Ferrol, Vigo, A Coruña), e o futuro, cara ónde se dirixe o sector.

Radios Comunitarias: Subir o volume

Fonte: Praza Publica. Nova publicada o 28/09/2015

En Vigo (Radio Piratona, 106.0), na Coruña (Cuac Fm, 103.4), en Corme (Radio Roncudo, 106.1), en Compostela (A Kalimera, 107.9), en Ferrolterra (Radio Filispim, 93.9). As radios libres ou comunitarias levan a cabo unha valiosa actividade en Galicia, con poucos medios e moito voluntarismo, e nunha situación de alegalidade, toda vez que a Xunta bloqueou calquera posibilidade de acceder a unha frecuencia para as emisoras non comerciais, como ben puido comprobar Cuac FM na súa longa batalla para contar cunha licenza.

As emisoras comunitarias, tan distintas entre si coma os colectivos que as conforman, comparten uns obxectivos de libre acceso (que calquera colectivo ou persoa poida empregar as súas ondas), de garantía do dereito á información, de pluralismo e de funcionamento democrático, sen buscar en ningún caso o lucro económico. Noutros países as radios comunitarias axudan, xunto coas emisoras municipais, a dar voz ás comunidades locais, ao próximo, unha dimensión que en España está moi debilidade, pola primacía das grandes canles radiofónicas e das súas emisións en cadea. Falamos cos equipos responsables de Cuac FM, Radio Filispim e Radio Piratona.

A Lei do Audiovisual do ano 2010 recoñeceu por vez primeira os medios comunitarios. Porén, este recoñecemento dependía de que as comunidades autónomas habilitasen licenzas de emisión

A Lei do Audiovisual do ano 2010 recoñeceu por vez primeira os medios comunitarios. Porén, este recoñecemento dependía de que as comunidades autónomas habilitasen licenzas de emisión reservadas para as radios sen ánimo de lucro. “Cuac FM fixo todo o humanamente posible para acceder a unha frecuencia á que segundo a lexislación ten dereito. Dende o primeiro minuto solicitámola á autoridade competente. No 1996 a resposta que nos deron foi que a chegada das licenzas para entidades do terceiro sector era ‘inminente’, unha inminencia que xa vai polos 20 anos de espera”, explica Mariano Fernández, un dos fundadores de Cuac FM.

“A pesar do cambio lexislativo de 2010 que recoñece aos medios comunitarios coma un dereito de cidadanía, a situación segue a ser a mesma. Podemos dicir, que a tal hora, a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual en materia de medios comunitarios é papel mollado, algo incomprensible nun estado de dereito”, engade. “Debería ser unha responsabilidade dos poderes públicos garantir este dereito, noutros estados enténdese que somos útiles nesta tarefa e a posición dos medios do terceiro sector está máis que consolidada e normalizada. Aquí levamos un atraso de 35 anos con respecto a Francia, por exemplo”, conclúe.

“A información local desapareceu das emisoras pretendidamente locais, pasando estas a ser meras antenas da programación central”

Por que son importantes os medios comunitarios? “Onde a opinión estea só xestionada por emisoras privadas (corporacións mediáticas) ou radios públicas (ligadas a institucións) non estará garantida a liberdade de opinión e expresión”, destacan dende Radio Filispim. “Trátase de facer protagonistas ás persoas e colectivos da comarca na difusión das súas propias realidades, cos mínimos intermediarios posíbeis”, engaden, sinalando que “a información local desapareceu das emisoras pretendidamente locais, pasando estas a ser meras antenas da programación central ou nalgún caso un mero poste que de cando en vez emite un simple indicativo”. Para Radio Piratona, a existencia da emisora “é importante porque permite a difusión de contidos aos cales outros medios, voluntaria ou involuntariamente, non prestan atención; por exemplo información independente, música de grupos locais ou todo o relacionado coas culturas minoritarias”.

Isabel Lema, presidenta de Cuac FM entre 2003 e 2006, salienta que os medios comunitarios son “ferramentas de democratización que garanten o exercicio activo ao dereito á comunicación” e que “ante unha situación de concentración da propiedade dos medios de comunicación en escasas multinacionais, os medios comunitarios son a principal ferramenta de información independente, local e social que temos”. “CUAC ofrece outro prisma onde mirar a realidade, un prisma construído colectivamente polos máis de 100 socios e socias que participan da emisora” -di- “Pero sobre todo, ofrece a oportunidade única de contribuír libremente a esa construción dun proxecto de comunicación cidadá”. Para Lema, as radios comunitarias “son (e poden selo aínda máis) ferramentas de alfabetización mediática e para o cambio social”, pois “outorgamos os espazos pero tamén as ferramentas para educar e empoderar á cidadanía respecto dos medios de comunicación. E isto é moi importante, pois cando se capacita á cidadanía para ser axentes nos procesos de comunicación, tamén se contribúe aos procesos de transformación social”.

“Cando se capacita á cidadanía para ser axentes nos procesos de comunicación, tamén se contribúe aos procesos de transformación social”

Un dos aspectos que define o funcionamento das emisoras comunitarias é a súa relación cos movementos sociais e o tecido asociativo das súas localidades, cunha comunidade que lle dá forma e á que empresta servizo. “A radio foi activada para dar voz aos colectivos sociais de Ferrol e amplificar as súas loitas sociais. O traballo de implicación dos colectivos coa radio foi primordial dende o inicio”, destacan dende Radio Filispim. De igual xeito, dende Vigo explican que “a Piratona é un medio onde todas as persoas e colectivos que queiran poden ter un espazo de seu. A radio ofrécelles a posibilidade de realizar entrevistas, colaboracións, ou ter un espazo propio facendo un programa. É un medio que pode ter moita importancia para os movementos sociais e tamén na nosa formación e coñecementos sobre os diferentes movementos e loitas, polo que animamos a que tanto colectivos como persoas individuais fagan uso del”.

De igual maneira, Cuac FM mantén un constante contacto directo co tecido asociativo da Coruña. Por unha banda, diversos colectivos sociais participan na emisora, sendo socios ou realizando programas (Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Proxecto Cárcere, Institución Benéfico Social Padre Rubinos ou a Asociación Radio Prometea). Pero ademais, moita da información e da cobertura que realizan os diferentes programas de CUAC ofrece unha extensa cobertura do terceiro sector da cidade, con programas comunitarios especiais, como a cobertura do dia da ciencia na rúa ou da feira de economía social e solidaria. Así mesmo, Cuac FM realiza mensualmente un programa comunitario, chamado Ar de Coruña, que ten coma obxectivo manter a cidadanía ao día da súa realidade máis próxima visualizando as problemáticas da cidade e dos seus barrios, dando voz a aqueles colectivos e asociacións con menor presenza mediática.

Funcionamento. As persoas e colectivos que forman parte de cada radio pagan unha pequena cota, que supón a principal base económica das entidades

As tres emisoras comparten, en grandes liñas, métodos de funcionamento, toma de decisións e financiamento. “En Cuac FM participan máis de unha centea de persoas físicas e xurídicas, funciona dun xeito participativo e horizontal, a través da asemblea, das coordinadoras e dos grupos de traballo. Todo o que facemos en Cuac FM facémolo dende a colaboración e o voluntariado. Non hai xefes nin persoal contratado”, explica Isabel Lema. “Nos últimos tempos indagamos bastante sobre modelos de participación e metodoloxías, que imos incorporando aos procesos de traballo. O obxectivo deste esforzo  non e só a eficacia senón que as persoas que participan do proxecto síntanse cómodas a todos os niveis”. engade Mariano Fernández. Tamén Radio Filispim e Radio Piratona toman as decisións a través das súas asembleas, aínda que coma no caso da emisora coruñesa, a actividade diaria é levada a cabo a través de distintos grupos de traballo.

As tres emisoras, como é habitual nos medios comunitarios, autofináncianse, sen depender de achegas públicas nin de publicidade. As persoas e colectivos que forman parte de cada radio pagan unha pequena cota, que supón a principal base económica das entidades. Ademais, lévanse a cabo outras actividades, dende a organizacións de eventos, maratóns, concertos ou venda de merchandising. No caso de Cuac FM, a emisora, como entidade sen ánimo de lucro, preséntase ás convocatorias de subvencións públicas que, en réxime de concorrencia competitiva, publican as diferentes administracións, e que adoitan estar relacionados con axudas ao desenvolvemento de proxectos.

Nos vindeiros meses, así mesmo, Cuac FM lanzará unha campaña de micromecenado a través da plataforma Teaming, que permitirá que as persoas que así o desexen podan contribuír cun euro mensual ao proxecto. “Hai cabeciñas pensando todo o tempo neste asunto porque a  autonomía financeira é fundamental para un medio comunitario”, explica Mariano Fernández.

O futuro. Como se presenta o futuro inmediato das emisoras comunitarias en Galicia? Que novidades presentarán Radio Filispim e Radio Piratona na tempada que está a comezar? Este é un ano especial para a emisora ferrolá, que este mes de agosto celebrou 10 anos de emisións ininterrompidas, unha efeméride que se conmemorou cunha maratón radiofónica, un ciclo de cinema sobre a radio alternativa ou a recuperación do festival “Conspirando por una radio libre”. “Até fin de ano continuaremos celebrándoo con outras actividades, entre as que se atopa a presentación dun documentario sobre o Colectivo Opaii! Radio FilisipiM, que será toda unha sorpresa…”, adiantan.

Tamén nos gustaría que a radio fose un espazo de agregación social, un espazo en construción onde poidas coñecer xente con gañas de dialogar e facer cultura”

Dende Vigo, Radio Piratona (activa dende 1988 e que dende hai pouco conta coa colaboración do Alg-a Lab e a Comunidade de Montes de Valadares, que lles ceden as súas instalacións) anticipa que se están a preparar dous novos programas que comezarán a emitirse en breve. “Tamén nos gustaría que a radio fose un espazo de agregación social, un espazo en construción onde poidas coñecer xente con gañas de dialogar e facer cultura. As radios libres son seguramente un bo instrumento para iso, e queremos fomentar dinámicas, este ano, que vaian nese senso”, destacan. Esta tempada 2015-16 tamén está marcada de forma especial na Coruña, pois Cuac FM fai 20 anos en antena. “É unha data que merece unha celebración especial, e estamos conformando un grupo de traballo para coordinar todas as actividades do XX aniversario”, sinalan. “Así mesmo, en outubro reincorpóranse case todos os programas que temos en grella, con 31 programas de produción propia”, engaden.

Existe neste momento un clima político e social máis favorable para os medios comunitarios? “Eu entendo que si” -responde Mariano Fernández- “Socialmente é evidente a erosión da credibilidade de moitas cabeceiras de prensa, e iso fai que haxa persoas que busquen outras voces. Por outro lado moitas persoas que veñen do activismo social estanse incorporando á política, e ese é o campo de xogo natural dos medios comunitarios”.

“Socialmente é evidente a erosión da credibilidade de moitas cabeceiras de prensa, e iso fai que haxa persoas que busquen outras voces”

“Cada vez a xente é máis consciente da manipulación informativa existente nos grandes medios e cada vez achéganse máis aos medios alternativos, porque ven neles un xeito de obter ou difundir información independente e procurar un coñecemento real do que está a pasar”, destacan dende Radio Piratona. Mariano Fernández di non percibir “un incremento cuantitativo do interese da xente polos medios comunitarios, pero si un cambio cualitativo”. “Entran menos propostas de programas musicais e culturais e máis de contido social e político. A xente ten máis necesidade de falar de cousas transcendentes, de grandes temas… Vivimos tempos interesantes”, explica.

Estes cambios poden servir para derrubar algúns dos obstáculos legais ou económicos que na actualidade atopan? En opinión de André (Pequeno Monstro en Radio Filispim) “o que existe é a oportunidade de explicar que está a pasar cos medios libres e comunitarios no Estado español e tentar que os políticos e grupos políticos entendan o noso proxecto e, despois, apoien no posíbel (cesión de local, reclamación de frecuencias para os medios que a desexen)”, lembrando que o que se demanda é unicamente acceso a unha licencia “en igualdade de oportunidades” cos medios comerciais e públicos. “Tentaremos a cesión dun local de titularidade municipal, pois até hoxe estivemos en precario, ben en local cedido por outra asociación (Ateneo Ferrolán), ben nun local que ficou baleiro no seu momento. Non pretendemos máis axuda do Concello que a cesión dun local, non temos intención de pedir subvención ningunha”, di.

“Esperemos que esta maior sensibilización calle na vontade política e teñan lugar os cambios lexislativos e executivos necesarios para normalizar o sector”

Para Mariano Fernández, “o traballo de concienciación política levado a cabo nos últimos anos pola Rede de Medios Comunitarios vai dando os seus froitos. Moitos partidos incorporan nos seus documentos políticos mencións aos medios comunitarios, e hai dez anos o descoñecemento era enorme”. “Esperemos que esta maior sensibilización calle na vontade política e teñan lugar os cambios lexislativos e executivos necesarios para normalizar o sector e deixar de afastarnos do contexto europeo… e vaia, se podemos comezar a achegarnos, moito mellor”, conclúe.