
Ante unha situación de “emerxencia lingüística”, e cunha sociedade cada vez máis sensibilizada e preocupada polo descenso do uso do galego, tamén nos contextos educativos, é preciso facer unha diagnose pausada acerca dos factores que incidiron na perda do uso do galego, así como das accións políticas e educativas que cumpriría adoptar para reverter esta situación.
Neste novo podcast de ONDA CIENCIA converso con Xosé Manuel Sánchez Rei, Iria Sobrino Freire e Xesús Manuel Mosquera Carregal sobre a situación actual do galego poñendo o foco nas políticas públicas.
Os tres expertos coinciden en cualificar a situación actual do galego como de “emerxencia lingüística” e cuestionan o papel xogado polas institucións – especialmente a Xunta de Galicia– na promoción do galego entre a mocidade e no conxunto da sociedade.
Apuntan a que en Galicia parece non respectarse debidamente a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, poñendo o foco no impacto do chamado “decreto do plurilingüismo”. Ante esta situación, estase a promover en Galicia un novo plan xeral de normalización da lingua galega, de cuxo consenso depende o cambio de rumbo da política lingüística.
O programa aborda tamén o papel dos equipos e servizos de normalización lingüística e as diferentes iniciativas e accións de impulso do uso do galego no ensino, tanto obrigatorio como superior, destacando as propostas de innovación pedagóxica para a promoción da lingua impulsadas polo propio estudantado galego e a irrupción dos novos creadores e creadoras de contidos audiovisuais que están apostando pola nosa lingua para divulgar as súas creacións e produtos nas redes sociais.
Escoita e descarga o podcast no seguinte enlace:
E visualiza os contidos do podcast, con subtítulos, no noso canal de YOUTUBE:
