Esta vai de cinema. De cine do independente, mais tamén do cine sen pretensións, do que só intenta conseguir un sorriso do público. Ou daquel que busca a reflexión e unha ollada máis ampla de Latino América, da propia Europa, da temática da igualdade…
Onte fumos ao OUFF (Festival Internacional de Cine de Ourense) a ver unha desas comedias (suiza e en francés) da que non esperas moito pero das que saes cunha boa dose de alegría, que nunca sobra nestes tempos que vivimos. E sorprendeume que a pesares de ser un mércores, ás oito da tarde, e de ser o seu terceiro pase, a sala estaba completa para ver Le Jeu de l’Amour et du Hasard.
O OUFF é un acerto para esta cidade e parece que tamén un éxito pola calidade das películas, polos máis de mil filmes que recibiu a organización, porque xa vai na súa 16 edición e subindo… Pero sobre todo, porque nos da a oportunidade de poder visionar na pantalla grande traballos que nunca terían chegado á nosa cidade, pois todos sabemos como funciona isto da industria cinematográfica.
Outra das pelis que me chama a atención, e que tentarei ir ver esta fin de semana é «Potiche«, unha comedia francesa con tres actores de luxo: Catherine Deneuve, Gerard Depardieu e Sergi López.
Son moitas as películas que se proxectan, moitos os días para acudir (do 14 ao 23 de outubro), con varios pases a distintas horas, a un prezo económico… Son varias as actividades fora de carteleira que se organizan no OUFF… Son moitas as razón polas que acudir e apoiar, coa tu presenza, ao OUFF este ano.
Non o esquezas. Son moitas as razóns para desfrutar do bo cine na cidade das Burgas.