Entrevista na TVG: Estratexias de comunicación sobre o cambio climático

Publicado: 17 diciembre, 2019 en Actualidade, Comunicación Ambiental, Educación Ambiental
Etiquetas:, , , , ,
Entrevista no programa Bos Días (TVG)

Entrevista no programa Bos Días (TVG). Minuto 36 a 48 do vídeo.  

Hai uns días, co gallo da celebración da COP25 en Madrid, o programa de información matinal da Televisión de Galicia «Bos días» entrevistoume nos seus estudos de A Coruña sobre o cambio climático e as estratexias de comunicación que tanto a ciencia como os medios de comunicación tradicionais veñen desenvolvendo.

Esta foi unha fantástica oportunidade para compartir parte do coñecemento científico que dende o Grupo de Investigación Persona-Ambiente temos en base aos estudos realizados tamén no contexto galego sobre percepción do risco ambiental e o papel dos medios de comunicación social.

Estes traballos atópanse dispoñible en diversas publicacións nas abordan influencia da información na percepción social do risco ambiental, os factores que inflúen na activación de movementos sociais ante os desastres ambientais, como a «Marea Blanca» do Prestige ou “Nunca Máis” , así como o rol dos xornalistas  ante a cobertura da catástrofe ambiental (ver publicacións).

A entrevista, realizada polo xornalista Francisco López Iglesias está publicada na web de TVG Á Carta do día 04/12/2019 no programa Bos Días, ás 09:45 h.

Se fas click neste enlace, poderás ver a entrevista entre os minutos 36′ a 48′ (duración total: 12′)

Se non podes acceder ao vídeo, a continuación transcribo o contido principal da entrevista, para a súa lectura:

TRANSCRIPCIÓN ENTREVISTA TVG- BOS DÍAS. 4.12. 2019

Que é o Grupo de Investigación Persona-Ambiente?

O Grupo de Investigación Persona-Ambiente é un grupo e investigación fundado en 1995 na Universidade da Coruña. Somos un grupo multidisciplinar no que traballamos profesorado e investigadoras que somos psicólogas, sociólogas, educadoras ambientais, economistas e arquitectas, unha composición interesante de membros da Universidade da Coruña que investigan por coñecer mellor os factores sociais e psicosociais que inflúen nos estilos de vida sostibles. Levamos desenvolvemento diferentes proxectos de investigación e nos últimos anos desenvolvemos 5 proxectos de investigación financiados pola UE e a Comisión Europea, sobre temas relacionados coa enerxía, comportamento medioambiental e relacionados cos estilos de vida sustentables tamén en Galicia.

Investigadores e científicos de todo tipo levan anos advertindo de que o cambio climático e un feito e de que hai que mudar. Algo avanzase, pero nalguns casos parece que os negacionistas gañan a partida, polo menos na comunicación, nalgún caso, porque?

Ben, podemos diferenciar 2 tipos de negacionistas, un 1º tipo son aquelas persoas que psicoloxicamente establecen unha estratexia de negación porque teñen unha dificultade para comprender o problema e ademais para afrontar as consecuencias de ese problema. Por outro lado temos outro tipo de negacionistas que están avalados por empresas as que non lles interesa que haxa unha transición enerxética cara a un desenvolvemento económico máis sustentable, baseado nas enerxías renovables ou na descontaminación do noso planeta.

Aos primeiros hai que comprendelos e hai que construír estratexias para implicalos nesta loita e nesta transición contra o cambio climático e aos segundos hai que desautorizalos, porque moitos empregan falsos datos científicos, datos que non son rigorosos, ou apelan mais ás emocións que a razón e están poñendo en risco a seguridade humana, están poñendo en risco a seguridade do noso planeta e especialmente están poñendo en risco a calidade de vida dos nosos fillos e fillas, por mirar a un contexto moi próximo.

Isabel, somos una sociedade máis de declaracións que de feitos? Acabamos de pasar por unha semana onde o consumismo prima e hai cousas que son incompatibles.

Ben, non me gustaría dicir que a sociedade en xeral é mais de declaracións que de feito. Está demostrado cientificamente que existe un “gap”, unha diferencia entre as nosas actitudes, que nos definimos por exemplo como unha sociedade proambiental, e logo os nosos comportamentos non son tan adecuados a como nos definimos teoricamente. O interesante é descubrir cales son as causas polas cales esas actitudes proambientais que temos logo non se materializar nun comportamento que sexa coherente e consistente.

Moitas das causas están relacionadas coas barreiras estruturais. Por exemplo, a min gustaríame empregar sempre transporte público ou poder desprazarme sempre dunha maneira baixa en carbono, pero se na miña cidade ou na miña vila non dispón de transporte público pois lamentablemente non o podería facer, e ademais me frustro, non?

Por outro lado tamén é certo que moitas veces se atribúe a responsabilidade a estes actores que esta semana se están reunindo no COOP25, os axentes políticos e empresariais. E moitas veces non se comunica como a cidadanía tamén pode asumir corresponsablemente eses patróns de condutas máis sostibles. Moitas veces a cidadanía non sabe exactamente cales son as accións que debe adoptar para frear ou loitar dunha maneira efectiva contra o cambio climático.

Cal é o papel das redes sociais e cal e o papel dos medios de comunicación tradicionais?

Comezando co papel dos medios de comunicación tradicionais, sobre xa se leva moitos anos estudando. O papel dos medios de comunicación é fundamental porque realizan unha labor de difusión, de información e como non de educación da cidadanía. Son uns educadores importantes da cidadanía. O papel debe ser o de informar con rigorosidade, cos datos que existen sobre cales son as causas do cambio climático.

Tamén hai que informar de maneira moi rigorosa de cales son as consecuencias do cambio climático e tamén, e isto é unha eiva na información que se pode ver nos medios de comunicación tradicionais, hai que informar sobre cales son as posibles respostas, as posibles accións, que debemos desenvolver entre todos, para levar a cabo uns estilos de vida máis sustentables. Non é suficiente con informar sobre as causas, que están derivadas da acción do home, da cidadanía, da industria e dos actores políticos, por suposto, senón tamén capacitar á cidadanía para acción. Comprometela e corresponsabilizala dentro das súas posibilidades e dos seus recursos para loitar contra o cambio climático.

En 3º lugar gustaríame puntualizar que cando informamos, o facemos dunha maneira moi xenérica, e se xera un proceso psicolóxico que se chama “hipermetropía ambiental” e que consiste en que pensamos que o cambio climático é importante pero que as verdadeiras repercusións se están sufrindo en África, en Latinoamérica, vemos os incendios en Brasil ou en EEUU, pero pensamos que ao carón das nosas casas non se sofre ese problema. E si que se sofre.

Temos que poñer en evidencia, e os medios de comunicación deben de poñer en evidencia cales son as consecuencias para as nosas vilas e cidades, para a cidadanía, de cales son as consecuencias do cambio climático. Non só en termos globais, senón tamén en termos locais. Porque por exemplo, respirar o C02 e os axentes contaminantes que emiten os coches ten unha repercusión moi seria sobre a nosa saúde. Non estamos respirando aire puro, non é algo positivo, ao revés, estamos respirando algo que é negativo para a nosa saúde.

Existen xa estudos moi relevantes que se están desenvolvendo en cidades españolas que demostran que a contaminación do aire derivada dos coches afecta ao desenvolvemento cognitivo dos nenos e nenas do país. A min me preocupa que os nosos menores estean afectados nas súas capacidades intelectuais por mor da contaminación ambiental.

Está claro que pecamos desa xeneralidade. Pero tamén temos sobre a mesa o Blue Star, pero tamén temos os antecedentes do Casón, Urquiola, Prestige, cal debe ser o proceso de comunicación dun desastre ambiental ou dunha zona por exemplo, que se vexa afectada por un cambio produtivo, estamos a falar de Endesa, por esa descarbonización.

Ben, os casos que me estás a comentar son casos completamente diferentes. Uns son desastres ambientais que son digamos que impredicibles en certo modo, e o outro caso, o de Endesa, é unha empresa altamente contaminante, e é unha actividade altamente contaminante, que dende hai 15 ou 20 anos debería replantexarse na súa comunidade, neste caso en Galicia, unha transición enerxética cara a un modelo industrial diferente, e as mensaxes deben ser diferentes.

Dende o punto de vista da comunicación, hai que hacer unha comunicación positiva, no senso de que isto é un reto, asumible, e que implica que hai unha serie de oportunidades desde o punto de vista económico e desde o punto de vista social que temos por diante. As economías do futuro están orientadas a unha economía circular, unha economía limpa, e dende logo a España do futuro e a Europa do futuro non pode estar baseada na explotación do carbón, por exemplo. Entón, hai xa moitas empresas e moitos sectores punteiros en Europa que apostan por un desenvolvemento económico sustentable e non contaminante e cara ahi debemos facer esta transición enerxética en Galicia.

Na mesma comarca de Ferrolterra existen xa empresas punteiras a nivel internacional en temas de aeroxeneradores marítimos. A oportunidade que se nos abre como comunidade e como pais para ser punteiros en enerxías renovables creo que e unha maneira tamén de contrarrestar os impactos negativos, sociais e económicos, que pode ter o peche de Endesa. Pero a responsabilidade é unha responsabilidade política para asumir unha estratexia de investimento orientada cara a unha economía baixa en carbono, como xa se fixo en Alemaña ou como xa se está facendo agora en Gales, onde hai unha estratexia moi clara de descarbonización da rexión.

Deja un comentario